O BNG oponse a que se reanude a explotación mineira en Sanfinx

LOUSAME> Os nacionalistas presentarán unha iniciativa no Parlamento para que o Goberno Galego dea as explicacións oportunas da súa decisión de poñer a exposición pública unha solicitude de autorización, por parte da empresa que xestiona a mina, para a realización de vertidos de augas residuais depuradas ó río Pesqueira.

Para os nacionalistas a decisión resulta do máis sorprendente, xa que existen informes da propia Xunta, a través de Augas de Galicia, que indican que a proba piloto realizada pola firma non dá os parámetros esixidos, carecendo ademais do preceptivo informe de impacto ambiental, un trámite imprescindible para recuperar a actividade mineira en Sanfinx.

Dende o BNG non entenden como a Xunta toma esta decisión, que non se adecúa á legalidade ambiental, ademais de ir en contra dos intereses do sector do mar, posible damnificado pola reapertura da actividade mineira.

Dende o BNG tamén aludiron ó grave problema medioambiental aínda non resolto como son as filtracións das balsas de residuos da propia mina que están abandonadas. Temen que en calquera momento poida producirse unha catástrofe de efectos irreparables.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí