A Illa mobilízase contra a nova nave do Xufre polo seu impacto nos intereses do mar e do medio ambiente

A ILLA> A Illa en bloque reacciona ante a construción dunha nova nave da grandes dimensións no porto do Xufre. O goberno local, a confraría, asociacións de mexilleiros e outros colectivos amosan o seu rexeitamento a un proxecto que conta con autorización de Portos de Galicia, pero que consideran lesivo para os sectores produtivos e o medio ambiente. Convocan para mañá unha concentración de repulsa e o Concello, incluso, estuda leva-lo asunto á xustiza.

Esta pode se-la futura imaxe do Porto do Xufre se a construción dunha segunda nave para unha mariña seca impulsada por unha empresa privada continúa adiante. O Concello, o sector do mar e outros colectivos reaccionan a este proxecto amosando o seu rexeitamento. A nave, que se asentaría sobre terreos portuarios, conta co visto bo de Portos de Galicia e licenza por parte do Concello porque, indica o rexedor, de non concederlla a XGL estaría prevaricando. Con todo, o goberno local maniféstase contrario á súa construción.

O alcalde entende que hai outros usos máis necesarios para este espazo que dean resposta ás necesidades do sector do mar. Un argumento que comparte a Confraría insular e as asociacións de mexilloeiros.

E acusan a Portos de non pensar nunca nos intereses do sector.

Ademais, preocupa o impacto medio ambiental que pode supoñer para A Illa a construción desta infraestrutura.

Mañá ás 17:30 horas nesta explanada de Aguiuncho onde se pretende facer a nave vaise celebrar unha concentración de rexeitamento. O goberno local non descarta incluso recorrer á xustiza, a través dun posible contencioso-administrativo contra o proxecto. Desde Portos de Galicia, pola súa banda, argumentan que a concesión e a tramitación conta con todos os requisitos legais e que non recibiu ningún tipo de alegación na súa fase de exposición pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí