Lousame homenaxea á deportista Carolina Castro, exemplo de superación

LOUSAME> O concello de Lousame rendeu unha homenaxe á deportista Carolina Castro, que vén de acadar a medalla de bronce no campionato nacional de remoergómetro. Veciños, amigos e familiares quixeron recoñecer o gran esforzo desta moza pola súa capacidade de superación.

Tan só un ano despois de comezar a adestrar co club de remo de Cabo de Cruz, Carolina Castro vén de facerse coa medalla de bronce no campionato nacional de remoergómetro disputado o mes pasado en Murcia. O concello de Lousame quixo recoñecer o mérito desta veciña da parroquia de Tállara que forma parte dun equipo adestrado por Gustavo Vázquez xunto con varios compañeiros da asociación AMICOS.

O salón de plenos de Lousame quedou pequeno para acoller ós numerosos veciños, amigos, familiares e compañeiros que quixeron render homenaxe a Carolina, polo seu esforzo e capacidade de superación.

Durante o acto, a concelleira de Deportes fíxolle entrega dunha insignia co escudo do concello para que siga levando o nome de Lousame ó máis alto nivel do deporte.