Luís Bará chama a ‘pontonizar’ Galicia

PONTEVEDRA> Trala visita de onte da candidata do BNG a Pontevedra, Ana Pontón, hoxe pechou a campaña na cidade o número 1 da lista nacionalista pola provincia pontevedresa. Luís Bará chamou a unha mobilización masiva e a concentrar o voto do cambio na papeleta do BNG. Segundo Bará, a presidencia de Pontón é o mellor que lle pode pasar a Galiza neste momento.

Ilusión, ganas e entusiasmo. É o que representa, segundo o cabeza de cartel do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, a candidatura de Ana Pontón á Xunta de Galicia.

Dende a capital pontevedresa, Bará aproveitou as últimas horas de campaña para facer un chamamento á mobilización e a concentrar o voto do cambio na papeleta do BNG.

O candidato pola provincia de Pontevedra destacou as boas sensacións que deixa nos nacionalistas a campaña que remata hoxe. Un tempo no que teñen detectado, dixo Bará, un ansia imparable de cambio.

Mellorar a vida da xente con servizos públicos de calidade e poñer o país a producir serán, segundo Luís Bará, os eixos do goberno do BNG se conseguen facerse coa presidencia da Xunta despois do 18 de febreiro.