Os noieses desfrutarán unha ampla oferta cultural durante este Nadal

NOIA> Música, teatro e cine compoñen o amplo programa de actividades deseñado polo departamento de cultura de Noia para este Nadal. Destacan este ano as visitas guiadas e as andainas organizadas en colaboración coa concellería de Turismo.

O concerto de Elefantes, o único que a banda ofrecerá en toda Galicia, abrirá a programación cultural do Nadal en Noia. Será este venres no Coliseo Noela e xunto co concerto de Marwán, previsto para o día 17, constitúen as grandes apostas musicais para estas festas. Ó igual que xa fixeran durante o verán, os departamentos de Cultura e Turismo volverán colaborar na posta en marcha de visitas guiadas e andainas para ofrecer un maior abano de actividades lúdicas ós numerosos visitantes que recibe o municipio durante o Nadal.

Outra das apostas da concellería pasa por recuperar a tradición de felicitar as festas con postais de Nadal polo que procederán ó reparto de tarxetas entre os escolares coa imaxe da igrexa de San Martiño.

O programa complétase con sesións de cine e teatro, obradoiros , exposicións e presentacións literarias que se desenvolverán en diversos puntos da vila ata o próximo catro de xaneiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí