Galicia e Chile, unidas polo marisqueo a pé

NOIA> Unha delegación da corporación Nacional de Mulleres na Pesca Artesanal de Chile visita estes días Galicia. O obxectivo é promover unha candidatura conxunta entre os dous países para a declaración do marisqueo a pé como patrimonio cultural e inmaterial da Unesco.

A delegación chilena que encabeza a presidenta da Corporación Nacional de Mulleres na Pesca Artesanal, Sara Garrido, está a manter diversos encontros con autoridades e profesionais do sector para coñecer de primeira man as peculiaridades do marisqueo a pé na ría de Muros Noia, actividade equivalente coa recolección de beira que se practica nas illas chilenas de Chiloé e Tenglo.

Precisamente, as grandes similitudes entre as dúas actividades e a importante representación feminina no sector, propiciou a presentación dunha candidatura conxunta entre os dous países para a declaración como Patrimonio Cultural e Inmaterial por parte da Unesco.

Tras intercambiar experiencias coas mariscadoras, os membros da delegación tiveron ocasión de visitar os bancos marisqueiros e coñecer en detalle os labores de extracción. Ademais dos encontros con autoridades locais, a presidenta da corporación chilena foi recibida pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí