A Escola Infantil de Meis celebra o seu 15º aniversario

MEIS> O concello de Meis celebra o 15 aniversario da súa escola infantil. Membros do goberno local, mestras e alumnado participaron nunha pequena festa de homenaxe no centro. Concello e docentes destacaron a importancia da escola infantil para axudar á conciliación dos pais e para fixar poboación no rural.

O futuro de Meis está asegurado. A súa escola funciona a bo rendemento cun alumnado que, como se ve nas imaxes, tamén come estupendamente. Calquera diría que os nenos e nenas viñan de comer algunha lambetada na festa que se celebrou na escola para conmemorar o 15 aniversario do centro.

Na festa tamén participou o goberno local, conscientes da importancia que supón para un concello como o de Meis contar coa súa propia escola infantil.

O centro conta na actualidade con 39 alumnos matriculados. O seu horario é de 8 da mañá a 8 da tarde, incluíndo o servizo de comedor. A escola adáptase así aos horarios de pais e nais sendo fundamental para axudar á conciliación familiar.

O bo funcionamento da escola fai que todos os anos complete o máximo de prazas, quedando incluso fora nenos e nenas do propio municipio. Dende o centro ven necesario unha mellorar para poder dar cabida a todos os cativos que solicitan unha praza.

Dende o concello xa hai tempo que tomaron nota desta demanda e traballan nun proxecto para poder solicitar as axudas necesarias para ampliar e mellorar a escola. Melloras que tamén solicitarán para o pavillón próximo ao centro. Pola súa parte, dende a escola miran ao futuro con optimismo debido a gran solicitude de prazas que reciben cada ano, incluíndo a nenos e nenas de outros municipios.