O derrube dunha antiga nave en Muros causa danos en varios vehículos estacionados

MUROS> As fortes chuvias caídas durante esta fin de semana deixaron un regueiro de incidencias no Barbanza. Un dos concellos máis afectados foi o de Muros onde o derrubamento dunha antiga nave danou varios vehículos.

O grupo de Emerxencias Supramunicipal e a Brigada de Obras de Muros permaneceron toda a fin de semana mobilizados para facer fronte ás numerosas incidencias que o temporal deixou ó seu paso. Pistas intransitables por mor da chuvia e mesmo vivendas incomunicadas foron só o inicio dunha longa xornada que rematou co derrubamento de parte dunha antiga nave en ruínas que ocasionou danos en tres vehículos que se atopaban estacionados.

Os servizos técnicos estudan agora as medidas a adoptar posto que aínda que non se trata dunha propiedade municipal é preciso acometer unha actuación de urxencia.

No mar a situación tamén se complicou cunha manga mariña que ocasionou importantes desperfectos na zona da lagoa de Xalfas.