Etiqueta Negra reúne en Pontevedra as propostas máis interesantes do gourmet con selo galego

[

PONTEVEDRA> Xa está en marcha a Feira Etiqueta Negra 2021. Dende hoxe e ata o domingo un cento de produtores enchen o recinto feiral de Pontevedra das mellores propostas do gourmet galego. Para eles, unha oportunidade de darse a coñecer. Para o público xeral, unha fiestra para coñecer o nivel dos produtos delicatesen que se fan en Galicia.

Representan algúns dos proxectos máis interesantes da gastronomía gourmet con selo galego e durante toda esta fin de semana están reunidos no Recinto Feiral de Pontevedra.

Hoxe inaugurouse a Feira Etiqueta Negra. Máis dun cento de produtores participan nesta convocatoria, apostando por sorprendentes maridaxes, produtos innovadores na nosa gastronomía e, sobre todo, da terra.

Dende o concello de Pontevedra, a aposta pola feira é decidida. Tralo éxito das edicións anteriores, agardan que a Etiqueta Negra deste ano teña, alomenos, a mesma acollida.

Ademais dos stands, a programación complétase con showcookings, maridaxes, obradoiros e unha ampla oferta de actividades, poñendo sempre en valor o produto galego.

A feira Etiqueta Negra continuará o sábado entre as 11 da mañá e as 9 da noite e o domingo entre as 11 e as 8. A entrada ten un custo de 3 euros.