PONTEVEDRA> Satisfacción no PP da provincia de Pontevedra polos resultados do pasado domingo. Din que superaron ‘con creces’ o seu obxectivo. Esta mañá os populares fixeron balance salientando que os datos non deixan lugar a dúbida: 226.000 pontevedreses elixiron a súa papeleta, situándose 8 puntos por diante da segunda forza máis votada, o BNG. Destacan tamén que o PP foi a forza máis votada en históricos bastións da esquerda, como A Illa, e que ademais é a formación preferida da cidadanía tanto no ámbito rural como urbano.
Mensaxe de agradecemento do PP aos 226.000 pontevedreses que o pasado domingo escolleron a papeleta conservadora. Un apoio que outorga aos populares 11 escanos por esta provincia, situándose 8 puntos por diante da segunda forza da provincia, o BNG.
O presidente provincial entende que Pontevedra amosou este domingo a súa confianza masiva no PP e no candidato Rueda. Tal é así, explica Luis López, que os datos non deixan lugar a equívoco.
E apunta que o PP conquistou históricos bastións da esquerda como A Illa -cunha pequena vantaxe de 28 papeletas por riba do BNG-, manténdose ademais como a referencia tanto no ámbito rural como no urbano. Neste último caso salientando os resultados das dúas principais cidades da provincia.
O presidente provincial aproveitou tamén hoxe para despedir a Marta Fernández Tapias, líder do PP en Vigo e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra. Tal como avanzara, ponlle punto e final ao seu paso pola política logo das eleccións deste domingo. O tamén presidente da Deputación matizou tamén que, polo de agora, non hai nada decidido arredor do novo organigrama do goberno provincial, ata que se faga efectiva a renuncia de Tapias no pleno deste vindeiro venres.











