CCOO mobilizarase para defender ao traballador de Ence ao que a fiscalía lle pide 1 ano de cadea por golpear o coche de Lores

PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra denuncia a un traballador de Ence por golpear ao seu vehículo nunha das manifestacións. A fiscalía pide para o acusado 1 ano de cadea e unha multa de 1400 euros. O sindicato de CCOO saíu en defensa do seu afiliado e criticou con dureza a Lores.

O pasado mes de marzo, os traballadores de Ence pecháronse no concello de Pontevedra e increparon ao alcalde á saída da casa consistorial. Uns actos que parecía que non ían ir a máis pero que finalmente rematarán nos tribunais. Xa que o alcalde de Pontevedra denunciou a un dos manifestantes por golpear o seu vehículo.

Segundo o sindicato, Lores declarara que non acudiría aos tribunais como finalmente si fixo. O traballador está acusado dun delito de atentado contra a autoridade, supostamente por golpear o vehículo de Lores. Uns golpes, que dende o sindicato sinalan que non causaron danos.

A fiscalía pide para o traballador, e membro do comité de empresa de Ence, un ano de cadea e 1400 euros de multa. Dende CCOO consideran que esta denuncia o único que busca é sinalar como violentos aos traballadores de Ence.

O traballador, emocionado, mostrou o seu malestar con esta denuncia e defendeu que só estaba loitando polos seus postos de traballo.

Dende o sindicato anunciaron que comezarán a mobilizarse para evitar que o seu afiliado sexa condenado. Para iso comezarán a desenvolver unha campaña informativa incluíndo a pegada de carteis polas rúas para apoiar e defender a Ramiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí