Pontevedra arranca esta semana as Festas do Verán co lema ‘O son da rúa’

PONTEVEDRA> Como xa anunciaran dende o concello, Pontevedra está en festa dende esta mesma semana. A cidade adianta un mes a programación das Festas de Verán, con propostas que mesturan música, cinema, teatro e diferentes actuacións culturais. Os seus sons serán os protagonistas. De feito, o lema das festas deste ano é “O son da rúa”.

A partires desta semana, Pontevedra soará a verán, a festa e a cultura.

“O son da rúa” é o lema das Festas do Verán deste ano na cidade. Unha programación que se adianta un mes respecto doutros anos.

Da Silva presentou hoxe un adianto do que será a programación. As festas arrancarán xa este xoves co ciclo “Banda en pequeno formato”. Cada xoves de xuño, diferentes seccións da Banda de Música de Pontevedra actuarán ás 8 da tarde no palco da Alameda. Tamén esta fin de semana celebrarase unha das novidades nas pistas de Campolongo, a proposta “Audivisión”.

Os días 11, 12, 18 e 19 de xuño o Parque das Palmeiras será o escenario de talentos emerxentes no marco do “En clave local”. Pola súa banda, do 18 ao 26 de xuño regresa “Sete Falares”, que se desenvolverá na Alameda e na Praza da Pedreira.

Xuño despedirase con outra novidade. Trátase do ciclo “Música contada”, concertos didácticos que se celebrarán entre o 28 de xuño e o 1 de xullo no palco da música da Alameda. Serán ás 12.30 e dirixidos a toda a familia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí