NOIA> As chuvias persistentes destas últimas semanas están a provocar novamente a mortaldade masiva de marisco nas praias de Noia debido á baixa salinidade polo exceso de auga doce.
Non é un problema novo, repítese practicamente tódolos anos, co aumento dos caudais e os correspondentes desencoros, pero non deixa de ser preocupante.
Toneladas de marisco morto en praias como a de Testal, un dos bancos marisqueiros máis produtivos do pósito noiés, poñendo en serio risco o traballo de máis de 1.500 mariscadores.
A situación parece moi semellante á vivida hai uns anos, que lastrou a campaña marisqueira de 2023-2024, considerada unha das peores na historia da confraría noiesa.
Ante esta situación de máxima gravidade e co fin de avaliar os danos producidos nos bancos marisqueiros coa conseguinte repercusión na situación socioeconómica para moitas familias do municipio que viven do marisqueo, o executivo noiés vén de convocar a Mesa Intersinstitucional do Mar, un órgano creado en novembro pasado, na que están representados, ademais das tres administracións, local, autonómica e estatal, colectivos como Plademar ou a propia Confraría de Pescadores.











