A Xunta repartirá tests de saliva nos colexios e implantará a alta automática aos sete días nas baixas por covid19

PONTEVEDRA> Con estes datos sobre a mesa, dende a Xunta de Galicia insisten en sinalar a vacinación como a clave para evitar a saturación dos centros hospitalarios. Esta mañá, o presidente autonómico advertiu que o pico da sexta vaga chegará entre a terceira e a cuarta semana de xaneiro. Nesta situación, a Xunta prorrogará as restricións actualmente en vigor para frear os contaxios. Ademais, hoxe anunciáronse dúas novas medidas: a posibilidade de realizar tests de saliva nas aulas de rexistrarse algún caso positivo e implantar a alta automática no caso das baixas laborais por covid19.

Os contaxios de covid19 seguen disparados en Galicia por iso a Xunta, asesorada polo subcomité clínico, prorrogará as restricións implantadas a finais de decembro para reducir a interacción social. Iso si, con algún cambio: a prohibición de reunións de non conviventes entre as 3 e as 6 da madrugada para evitar festas será só nas noites da fin de semana.

Este cambio entrará en vigor despois do 18 de xaneiro. Manteranse as limitacións na hostalería, cun máximo de oito persoas por mesa en interior e dez en terrazas, coas barras pechadas. O peche do local seguirá a ser a medianoite e ata a unha na fin de semana. No ocio nocturno será ás 3 da madrugada.

A maiores, o consello da Xunta aprobou esta mañá novas medidas. Entre elas, a dirixida a controlar a situación nos centros educativos e reforzar o protocolo de illamento. O goberno autonómico repartirá 50.000 tests de saliva para facer cribados nas aulas se se detecta algún positivo.

Outro dos cambios refírese á tramitación das baixas laborais dos pacientes covid19. En Galicia, a baixa e a alta tramitarse ao mesmo tempo de xeito automático.

A intención é que a medida entre en vigor mañá mesmo. De non ser posible, comezará a aplicarse entre o luns e o martes da vindeira semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí