Rías Baixas fala de ‘historias de amor’ na campaña que presentará en Fitur

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra viaxará a vindeira semana á Feira Internacional de Turismo de Madrid. Afronta a cita cunha apretada axenda, que aproveitará cada acto para promocionar a provincia como destino turístico. O evento central será a presentación da campaña: Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra.

Rías Baixas bota man das súas conquistas para presentarse na Feira Internacional de Turismo. A Deputación levará ata Fitur a súa nova proposta: Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra.

Esta mañá Silva só adiantou as liñas mestras desta nova campaña. Botará man da icona do corazón, recordando ao recoñecido slongan ‘I love New York’. Como lema, unha pregunta: “algunha vez visitaches un lugar e quixeches quedar? Descubre por que pasa isto en Rías Baixas”.

Estas historias de amor serán o fío condutor do vídeo que tamén se estreará en Madrid. Contará coas testemuñas de persoas reais que chegaron ás Rías Baixas e xa non quixeron marchar.

O acto de presentación da campaña de Rías Baixas será o xoves día 20 ás catro da tarde, na caseta de Turespaña. Estará conducido pola actriz Jazmín Abuín e contará coa presenza da ministra de turismo, Reyes Maroto.

No marco da feira, a Deputación asinará a adhesión da Film Commission de Pontevedra Provincia á rede estatal, así como un convenio con Renfe para promocionarse como destino nas estacións e liñas de tren que conectan con Galicia. Ademais, o Castelo de Soutomaior recibirá a Q de calidade. Fóra de Fitur pero tamén en Madrid, Silva recollerá o premio á provincia de Pontevedra como o mellor destino de caldiade de toda España, no marco dos Premios Nacionais SICTED.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí