O Sindicato Unificado de Policía demanda unha nova Comisaría para Pontevedra

PONTEVEDRA> O Sindicato Unificado de Policía reclama unhas novas instalacións para a Comisaría de Pontevedra. Esta mañá, varios representantes concentráronse ás portas do inmoble de Joaquín Costa para facer visibles as súas reclamacións. Aseguran que o actual edificio ten numerosas carencias, como falta de accesibilidade, filtracións e escasa iluminación.

Unhas novas instalacións para a Comisaría da Policía Nacional na cidade de Pontevedra. Esta é a reclamación que hoxe levou a representantes do Sindicato Unificado de Policía a concentrarse na rúa Joaquín Costa.

Deste xeito queren chamar a atención tanto dos responsables policiais como políticos para que avancen na construción deste novo edificio. Algo que, asegurou, depende da cesión de terreos municipais para a súa construción.

O sindicato aproveitou a concentración para recordar outras vellas demandas do corpo na cidade. Unha delas, a actualización do catálogo de postos de traballo, que data do ano 2007. A outra, a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción en Pontevedra.

Actualmente, a Comisaría Provincial conta con 272 axentes. O que supón unha cobertura do 92% do cadro de persoal previsto.