Xosé Lois Piñeiro asume a presidencia da mancomunidade Barbanza-Arousa

BARBANZA> O rexedor pobrense substitúe no cargo ao alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, que presidíu a entidade ó longo de 2021.

Este é o momento no que simbólicamente, cunha apreta de mans, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, traspasaba o mando da presidencia da mancomunidade Barbanza-Arousa ó seu homólogo, o rexedor pobrense, Xosé Lois Piñeiro.

Na sesión á que asistiron tres dos catro alcaldes que integran a entidade, coa ausencia do rexedor de Ribeira, Manuel Ruíz, serviu tamén para facer balance do traballo realizado ó longo do pasado ano 2021 que xira, principalmente, ó redor de dous elementos primordias: O Camiño de Santiago e o proxecto da Idade do Ferro a desenvolver da man da deputación da Coruña.

Os retos para este 2022 serán moi semellantes, cunha liña continuista. A Mancomunidade enfoca este ano con optimismo á espera de que mellore a situación epidemeolóxica, o que permitirá impulsar de novo o sector turístico da zona, aproveitando tamén a celebración dun segundo ano Xacobeo.

Todo iso sen esquecer a aposta polo deporte e o turismo náutico, así como tamén seguir impulsando a promoción do destino Barbanza-Arousa a través de convenios como o asinado coa empresa Interrrías.