O Ministro de Pesca de Cabo Verde coñece Jealsa

BOIRO> Acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, o ministro do Mar de Cabo Verde, Jorge Mauricio dos Santos, visitou esta mañá as instalacións da conserveira Jealsa, no Bodión.

A visita de hoxe daba continuidade á rolda de contactos que o dirixente do país africano está a levar a cabo estes días en Galicia, que serven para consolidar as relacións empresariais entre as dúas rexións, moi vinculadas sector marítimo-pesqueiro.

O país africano dispón dunha posición estratéxica, ó situarse preto dos caladoiros de Senegal e Mauritania e a medio camiño entre España e as illas Malvinas, Arxentina e Namibia.

Na súa visita a Jealsa, o ministro caboverdiano puido coñecer de primeira man o proceso de fabricación e envasado de conservas de pescado e marisco nunha das empresas punteiras do sector a nivel mundial, en base ó traballo realizado ó longo de máis de 60 anos de historia, cunha aposta constante pola innovación e a diversificación.