PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia compromete 6 millóns de euros para a rehabilitación de Santa Clara. Hoxe o presidente autonómico e o seu homólogo na Deputación de Pontevedra asinaron o convenio que sela este acordo. A achega realizarase en dúas anualidades. A intención é que as obras poidan comezar este mesmo ano, coa vista posta en ter a rehabilitación rematada no 2027, ano do centenario do Museo de Pontevedra.
A Xunta de Galicia concreta a súa participación na rehabilitación do convento de Santa Clara. O goberno autonómico comprometeu unha achega de 6 millóns de euros.
O acordo quedou selado no convenio que esta mañá asinaron Alfonso Rueda e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. A achega materializarase en dúas anualidades, 2025 e 2026. Recordemos que o proxecto está orzamentado en 23 millóns de euros.
A vindeira xunta de goberno provincial aprobará o expediente de contratación do proxecto, cun orzamento de 1,7 millóns de euros. A intención é que as obras comecen este mesmo ano.
Á firma do convenio asistiron tamén representantes de Nieto Sobejano Arquitectos, o estudo que se está a encargar do deseño do proxecto de rehabilitación.
O estudo traballa agora nos cambios no anteproxecto gañador do concurso solicitados polo novo goberno da Deputación, que desbota a escavación nos xardíns de Santa Clara para habilitar un almacén de restos arqueolóxicos.
O concello de Pontevedra non foi convidado
Á sinatura deste convenio non estivo convidado o Concello de Pontevedra. O alcalde recordou que foi a administración local a que apostou pola compra de Santa Clara, que despois cedeu á Deputación como edificio para ampliar o Museo.
Miguel Anxo Fernández Lores falou de falta de delicadeza, considera que o compromiso de 6 millóns de euros é pobre e lamentou que o anuncio se fixera en precampaña electora.
Pola súa banda, o presidente da Deputación explicaba que o concello non foi convidado porque o acto se produciu no marco dun convenio entre a Xunta e a administración provincial.