NOIA> Non tardou o novo goberno noiés en facer público o reparto das áreas municipais.
Aínda sen nomes, os socialistas, ademais da Alcaldía, encargaranse de Urbanismo; Relacións Institucionais; Promoción Económica, que inclúe Turismo, Emprego e Industria; Persoal; Seguridade Cidadá; Casco Histórico; Servizos Sociais, Benestar e Saúde; Deportes; Servizos Municipais; Eventos; e Mocidade, Educación, Conciliación e Novas Tecnoloxías.
A Marea levará a 1ª tenencia de Alcaldía, ademais das áreas de Facenda, Mar, Vivenda, Réxime Interno, Festexos, Servizo de Obras, Igualdade, Participación Cidadá, Cultura e Normalización Lingüística.
A composición do novo executivo deberá ser ratificado no vindeiro pleno de organización, no que se coñecerán tamén as persoas do goberno que disporán de dedicacións exclusivas ou parciais, así como tamén do persoal de confianza.
Por outra banda os dous partidos que conforman o goberno noiés, PSOE e A Marea deron a coñecer tamén cales serán as súas liñas estratéxicas.
Segundo indicaron terán coma principal finalidade garantir un cambio real e efectivo na xestión do Concello baseado na transparencia, na xustiza social e no fortalecemento dos servizos públicos.
Precisamente unha das primeiras medidas do novo executivo será o encargo dun estudo actualizado da situación económica e financeira do Concello para establecer as prioridades da xestión.











