O PP recupera posicións en Barbanza e Muros-Noia

BARBANZA/NOIA> No Barbanza, o PP recuperou posicións. Gaña votos en tódolos concellos agás en Boiro no que tan só experimenta unha perda testemuñal de once votantes. Aínda así, na Pobra e Rianxo, o PSOE segue a ser a forza máis votada.

A suba do PP a nivel nacional é extrapolable á comarca do Barbanza. Agás en Boiro, onde recibiu once votos menos que nas eleccións de abril, os populares obtiveron un mellor resultado en tódolos concellos. Menos acusadas as subas en Rianxo con vinte e cinco votos máis ou na Pobra con sesenta, fronte ós cento cincuenta e oito de Ribeira.

Con estes resultados, os populares sitúanse á cabeza en Ribeira e Boiro mentres que na Pobra e Rianxo os socialistas foron a lista más votada. Aínda así, o PSOE perde votantes nos catro concellos especialmente en Ribeira cunha baixada de cincocentos oitenta e nove votos. Pola súa banda, O BNG sube en tódolos concellos, especialmente en Boiro onde suma cento setenta e catro novos apoios, conseguindo ademais o retorno desta forza política ó Congreso dos deputados

O ascenso de Vox faise tamén visible na comarca que medra en tódolos concellos, con especial auxe en Ribeira onde rexistran seiscentos noventa e cinco novos apoios, situándose como terceira forza. Na outra cara da moeda está Ciudadanos cunha enorme caída extensible á comarca do Barbanza coa perda de máis de tres mil votantes. Tamén baixa, aínda que en menor medida, Unidas Podemos cunha perda próxima ós mil setecentos votantes en relación coas anteriores eleccións xerais.

Muros-Noia

Nas comarcas de Noia e Muros en liñas xerais tamén se produciu unha recuperación do Partido Popular. A máis significativa en Noia, onde os populares sumaron preto de douscentos votos máis con respecto ós anteriores comicios de abril. No resto de concellos a pesar de ser a forza máis votada perderon votos. É o caso de Outes e Porto do Son onde caeron con 121 e 55 votos, respectivamente. Os socialistas, que en datos xerais seguen a ser a segunda forza nestas dúas comarcas, caeron en tódolos concellos. A caída máis destacada, en Muros, onde recibiron 315 apoios menos respecto ós comicios de abril. A suba máis significativa foi para Vox, que aumentou en tódolos concellos en máis de dous mil votos; e o BNG que en termos xerais subiu tamén en tódolos municipios, a  excepción de Lousame, onde perdía 51 apoios.