Ribeira disporá dunha nova subvención provincial para finalizar o centro social de Carreira

RIBEIRA> A Deputación da Coruña destinará unha achega de máis de 200 mil euros para finalizar o centro social de Carreira. O pleno de Ribeira aprobou por unanimidade solicitar esta nova subvención.

Semella que, desta volta, as obras do centro social de Carreira chegarán á súa fin. Os traballos permaneceron paralizados preto de dous anos por mor dunha serie de trabas tanto coas empresas adxudicatarias como o parón que supuxo a covid. O retraso na execución das obras fixo que non se puidera xustificar a achega provincial dentro do prazo establecido polo que o concello decidiu solicitar unha nova axuda á Deputación.

As obras, que avanzan a bo ritmo, permitirán dotar á parroquia de Carreira dun novo punto de encontro social. O remate das obras do centro social virase sumar á construción dun parque cuberto e o acondicionamento dos accesos da praza que se atopa ó seu carón.