A Deputación de Pontevedra incorpora aos seus orzamentos 26 millóns de euros de remanentes

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra incorpora ao seu orzamento para este ano 26 millóns de euros procedentes de remanentes. Esa partida vaise repartir entre tódalas áreas do goberno e para a xestión dos fondos europeos. Deste xeito, a administración provincial mobilizará neste exercicio, en total, case 227 millóns de euros.

A Deputación de Pontevedra foi prudente no peor da pandemia, por se se producían recortes, e desa xestión cauta chegan agora estes remanentes: 26 millóns de euros adicionais que mobilizará este ano o goberno provincial.

Carmela Silva salienta que esta é a inxección de remanentes máis importante dende a chegada do bipartito ao goberno provincial.  Unha partida eleva a case 227 millóns de euros os fondos da Deputación neste 2022.

A Deputación incorpora 26 millóns ao remanente, pero a Deputación conta cun aforro total de 37 millóns, grazas á contención do gasto nos peores momentos. A partida que non se mobiliza agora queda reservada para posibles imprevistos ao longo deste exercicio.

Os 26 millóns de euros en remanentes repartiranse entre tódalas áreas de goberno. Van ir fondos para cultura, lingua, emprego, turismo, deporte, igualdade ou cooperación transfronteiriza. A mellora da xestión de residos e a compostaxe, fondos para o Museo provincial ou actuacións na rede de estradas provinciais son algúns dos proxectos concretos que o executivo pon xa sobre a mesa botando man desta partida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí