PONTEVEDRA> O incremento dos prezos deixa en xaque ao sector da construción. As subas nos custes dos materiais e da enerxía dificultan a viabilidade das obras públicas xa adxudicadas e incluso das propias empresas. Reclaman un sistema que permita reequilibrar os contratos e revisar os prezos. Hoxe o deputado autonómico do BNG, Luís Bará, recolleu as preocupacións da Asociación de Construtores de Pontevedra.
O sector da construción non levanta cabeza.
Agora é o incremento desmesurado dos prezos, tanto dos materiais como da enerxía. Subas que dificultan, e moito, a viabilidade das obras públicas en execución e incluso das empresas.
Para conseguir capear a situación, as empresas da construción piden un sistema para reequilibrar os contratos e revisar os prezos. Tamén que se flexibilicen os prazos.
Polo de momento, están a intentar xestionar o difícil escenario no que se atopan. Pero alertan dos problemas que afronta un sector que na provincia de Pontevedra move 23.000 empregos directos e 100.000 indirectos.
Hoxe o deputado autonómico do BNG recolleu as súas preocupacións. Luís Bará apuntaba que existe unha norma que regula os contratos públicos impulsada dende o Goberno Central, pero que non aclara se os concellos se poden acoller á revisión dos prezos.
Bará comprometeuse a levar esta cuestión tanto ao Parlamento de Galicia como ao Congreso dos Deputados.