A Fiscalía pide que se desestime a demanda de da Silva contra Domínguez por vulnerar a súa honra

PONTEVEDRA> O líder do Partido Popular de Pontevedra e o debuxante Kiko da Silva véronse hoxe as caras nos xulgados. O artista denunciara a Rafa Domínguez despois de que o acusara de beneficiarse da concesión de contratos a dedo por parte do concello de Pontevedra. Da Silva entende que a acusación é unha inxuria que vulnera o seu dereito á honra, polo que pide ao popular que se retracte. Para Domínguez, as súas declaracións enmárcanse na liberdade de expresión e crítica política. Tras escoitalos a ambos, a Fiscalía pediu o arquivo do caso.

A denuncia do debuxante Kiko da Silva contra o voceiro do Partido Popular de Pontevedra quedou vista para sentenza. No xuízo celebrado esta mañá nos xulgados da Parda, Rafa Domínguez non se retractou e insistiu na súa postura: o concello de Pontevedra encargou a da Silva a realización dos carteis do Entroido pola súa afinidade co BNG.

O voceiro popular asegura estar tranquilo, máis aínda despois de que na vista oral a Fiscalía asegurara que non ve causa e solicitara a desestimación da demanda.

Kiko da Silva presentara a demanda por inxurias. Considera que as declaracións de Domínguez supoñen un atentado contra a súa honra e lamentou que se usara o seu nome nunha pelexa política.

O artista non busca ningún beneficio económico. Unicamente reclamou que o voceiro popular dea marcha atrás nas súas acusacións.

Da Silva xa adiantou que, de producirse unha sentenza desfavorable, está disposto a recorrer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí