CAMBADOS> Primeira toma de contacto para comezar a organiza-la Festa do Albariño de Cambados. Tras dous anos de parón, esta mañá houbo un encontro entre o goberno local e o Consello Regulador da DO Rías Baixas. A intención é poder recupera-lo evento tal e como se celebraba antes da pandemia.
Despois de dous anos sen celebrarse, volve a Festa do Albariño a Cambados. A intención é que este ano se poidan retomar tódalas actividades propias da Festa. Esta mañá houbo unha primeira aproximación entre o Concello e a DO Rías Baixas. Unha xuntanza coa que comezar a prepara-la volta dunha das citas máis agardadas no calendario cambadés.
O Concello e a DO acordaron a volta de tódolos eventos, coas casetas na calzada ou o Túnel do Viño no Salón Peña. Con este intento de volver á normalidade, recupéranse tamén outros debates que xurdiran nas últimas edicións prepandemia.
Hoxe no encontro púxose sobre a mesa a posibilidade de ampliar a festa, tanto temporal como espacialmente para evitar aglomeracións. Así, as casetas levaríanse máis aló do Paseo da Calzada e instalaríanse xa na primeira fin de semana da festa. E nese intento de evitar aglomeracións, medidas tamén para os concertos.
O concello e o consello regulador volverán reunirse entre os meses de marzo e abril para seguir avanzando no deseño da Festa. Entre as medidas que están pendentes, a proposta do concello de pecha-las casetas ás 3 da madrugada. Unha opción que a DO comprometeuse a estudar.