O rescate duns cans nun incendio en Taragoña destapa unha plantación de marihuana

RIANXO> Un operativo de emerxencia levado a cabo polos bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira permitiu rescatar a un total de once cadeliños e a súa nai, que a piques estiveron de morrer a consecuencia dun incendio rexistrado nunha vivenda en Ourolo, na parroquia rianxeira de Taragoña. A oito deles incluso tiveron que reanimalos xa que se atopaban inconscientes polo fume.

Unha chamada ó 112 alertou ata o lugar ós equipos de emerxencia. Unha vez alí, e despois de  comprobar que non había ningunha persoa no interior da casa, foi cando se atoparon cos animais.

Para atendelos, mesmo tiveron que chamar a un veterinario que se encargou do coidado dos animais.

Pero os cans non foron o único que se atoparon no interior da vivenda. Para sorpresa das forzas da orde na casa tamén descubriron unha gran cantidade de bolsas termoseladas e envasadas ó baleiro que contiñan brotes de marihuana, que unha vez pesadas arroxaron unha cantidade próxima ós dez quilos. A Garda Civil abriu unha investigación ó inquilino da vivenda que podería estar acusado dun presunto delito contra a saúde pública. As dilixencias xa lle foron remitidas ó Xulgado de Padrón que é quen instrúe a causa.