Pili Pampín e a París de Noia, pratos fortes das Festas do Carme de Aguiño

RIBEIRA> Aguiño celebrará do 13 o 16 de xullo as festas na honra da Virxe do Carme. A comisión de festas deseñou un amplo e variado programa de actividades entre as que destacan as actuacións de Pili Pampín e a París de Noia.

Aguiño vivirá catro días de festa na honra da Virxe do Carme. Comezarán o sábado 13 cunha xornada dedicada a nenos e mozos. O domingo terá lugar a tradicional sardiñada e pola noite o pregón a cargo dunha artista ribeirense que dará paso ó concerto de Pili Pampín. O luns o prato forte será a orquestra París de Noia mentres que o martes, día do Carme, terá lugar a tradicional misa e procesión.

Como novidade, este ano o concello porá a disposición do público un catamarán para que as persoas que participan na procesión poidan acompañar tamén á Virxe do Carme no seu percorrido marítimo.

Dende o concello agradeceron o gran labor da comisión de festas que traballa durante todo o ano para facer posible estas celebracións.