Joshua Alonso, fillo dunha vítima de violencia machista, protagonista do 8M en Cambados

CAMBADOS> Cambados pon en marcha o seu programa para o 8M. Este ano, entre as propostas, salienta unha con nome propio: Joshua Alonso, fillo da muller asasinada pola súa exparella en Redondela no 2017. O mozo falará dese crime e como el tivo que asumi-lo coidado do seu irmán menor. Ademais, o concello avanzou hoxe que está a traballar no primeiro plan de igualdade municipal.

Cambados quere ser un referente na protección da muller e na defensa dunha igualdade real. Ao longo de todo o ano estanse a desenvolver iniciativas nesta liña que se intensifican coa chegada do Día da Muller. O goberno local deseñou un variado programa para marzo, abril e maio, que arrancará o propio 8M coa lectura do manifesto. Un acto que tamén trae novidades, xa que este ano vaise celebrar na praza Dolores del Valle.

Ese mesmo día terá lugar outro dos actos destacados do programa, coa implicación de ESMAR: unha charla-coloquio de Joshua Alonso, fillo da muller asasinada pola súa exparella en Redondela no 2017. O mozo abordará  ese crime e como tivo que asumi-lo coidado do seu irmán menor.

A charla terá unha sesión á tarde no Auditorio, pero outra previa -pola mañá- no Instituto Asorey. Entenden dende ESMAR que concienciar ás vindeiras xeracións é agora mesmo un dos principais desafíos.

A finais de marzo tamén comezarán as actividades da Escola de Empoderamento Feminino Dolores del Valle. Ademais, o alcalde avanzou hoxe que o goberno está a traballar no primeiro plan de igualdade municipal. Un xeito de consegui-la igualdade real e efectiva, comezando polo propio Concello.

O  goberno local acaba de inicia-los plans de contratación para a redacción deste plan que busca erradicar calquera tipo de desigualdade laboral ou salarial entre o cadro de persoal municipal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí