O concello de Ribeira coordinará a atención habitacional aos refuxiados ucraínos

RIBEIRA> Esta mediodía tiña lugar unha xuntanza para tratar de canalizar todas estas axudas. Ademais de representantes municipais, na reunión tomaron parte diversos colectivos e entidades locais como é o caso de Cáritas, ICE Renovación ou Amas de Casa.

Co paso dos días, as mostras de solidariedade co pobo ucraíno aumentan. Na comarca do Barbanza son xa moitos os concellos e colectivos de diversa índole os que se están a organizar para enviar axuda.

En Ribeira tiña lugar unha reunión no que tomaron parte diferentes entidades e colectivos que habitualmente colaboran coa causa solidaria. Dende o Concello acordouse que sexa o grupo municipal de emerxencias, o GAEM, o que se encargue de centralizar o almacenamento nunha instalación municipal dos produtos que a veciñanza está depositando nos puntos de recollida do municipio coa intención de xestionar o seu transporte.

Precisamente esta mañá xa se traladou diverso material a Vilagarcía, onde a empresa Fundicións Rey está usando a súa loxística para levar material a Ucraína.

A intención do Concello é contar cos servizos dunha empresa de transporte local para sucesivas remesas dada a maior capacidade dos seus vehículos.

Na xuntanza tamén se abordou a posibilidade de proporcionar solución habitacional ós refuxiados que puideran chegar a Ribeira. Así o Departamento Municipal de Servizos Sociais encargarase de elaborar un rexistro con todas aquelas estancias que veciños ou entidades poñan a disposición do Concello para poder coordinar o aloxamento destas persoas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí