Ribeira homenaxeará ás mulleres dos corpos de seguridade polo 8M

RIBEIRA> O concello de Ribeira dedicará o 8 de marzo ás mulleres dos corpos e forzas de seguridade do estado. Ademais deste acto de homenaxe, a concellería de Igualdade deseñou un amplo programa de actividades que se desenvolverán durante todo o mes.

A primeira das accións enmarcadas na programación do 8M é a exposición  ‘EnREDadas’ da Fundación Artesanía de Galicia que xa se pode visitar no primeiro andar do Mercado Municipal. A partir do próximo luns iniciarase a difusión dunha campaña divulgativa na rede e entregarase material didáctico para traballar nos colexios. O martes día 8 terá lugar a homenaxe ás mulleres policías e gardas civís que contará coa asistencia da inspectora xefe da Coruña, Noelia Pago que impartirá unha charla sobre igualdade.

O día 9 o alumnado de Educación Infantil e Primaria desfrutarán do contacontos ‘Dúas nenas moi, moi valentes’ mentres que para os estudantes de secundaria desenvolveranse os obradoiros ‘Medrando en igualdade’ No marco desta programación arrancará tamén este ano o proxecto Pegadas Femininas que busca recoller o legado de mulleres relevantes na historia de Ribeira. Trátase dun proxecto a longo prazo que concluirá cunha publicación editada polo concello.

Completan as propostas para esta campaña do Día da Muller os obradoiros da Fundación Mulleres dirixidos a usuarias do CIM, o programa de formación Narrativas Visuais ou un curso de autodefensa persoal.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí