MEIS> O CPI Mosteiro asina un convenio de colaboración de intercambio co centro francés Pierre et Marie Curie. Grazas a este acordo, estudantes de Meis poderán viaxar á rexión francesa de Albert en Amien. Os intercambios non comezarán ata o ano 2023.
O CPI Mosteiro continúa ampliando acordos con colexios do estranxeiro para aumentar os coñecementos e os idiomas dos seus alumnos. Tralos convenios de intercambios asinados con centros de Portugal e Irlanda, agora o instituto sela outro convenio co colexio francés Pierre et Marie Curie.
Grazas a este acordo, o alumnado de Meis poderá viaxar e recibir estudantes da cidade francesa de Albert, na rexión de Amien. Membros do centro desprazáronse a Meis para asinar o acordo e destacaron a importancia para os mozos e mozas de coñecer outros países.
Os responsables do centro estiveron acompañados do conselleiro de educación da rexión de Amiens. O administrativo salientou a importancia de retomar actividades entre países tras superar os peores momentos da pandemia e a ilusión que xeran nos alumnos destes intercambios.
A delegación francesa asegurou estar encantada coa súa visita ao Salnés e tamén a Santiago. Tras este convenio, agora realizaranse os trámites oportunos para poder comezar cos intercambios. A previsión é comezar no primeiro semestre do 2023.