A Libraría Cao propón ‘citas a cegas’ con medio cento de libros que buscan lector

PONTEVEDRA> Unha cita a cegas cun libro. Esta é a orixinal proposta da Libraría Cao, na rúa Sarmiento de Pontevedra. Medio cento de obras agochan o seu título para evitar calquera prexuízo no lector, que terá que escoller baseándose nunhas poucas pistas sobre a historia. Todo para evitar que se xulgue aos libros pola súa portada.

Nesta libraría da rúa Sarmiento de Pontevedra resérvase un curruncho no que aos libros non se lles xulga pola súa portada.

Tres ou catro pistas sobre o título que se agocha tralo papel marrón teñen que ser suficientes para que o lector se deixe namorar. Unha auténtica cita a cegas.

Hai tres anos, a Libraría Cao celebrou por primeira vez esta iniciativa. Nesta quenda son 50 os libros que están buscando un fogar. Exemplares únicos a prezos moi reducidos para animar ao lector.

Como libreira, Laura sabe que moitas veces os lectores déixanse levar tan só polas portadas máis chamativas ou polas sinopses mellor elaboradas. Pero hai moitas máis historias que merecen ser descubertas.

Estas citas a cegas seguirán na Libraría Cao ata que este medio cento de libros atope a súa media laranxa literaria.