A illa de Tambo pasará a estar xestionada polo concello de Poio a partires de marzo de 2022

POIO> O concello de Poio encargarase da xestión da illa de Tambo. A partires do 1 de marzo de 2022, o goberno local asumirá as competencias sobre ela tras un acordo co Ministerio de Defensa. A cesión é, inicialmente, por un período de 25 anos prorrogable a 75. Pero a intención é que nun prazo de cinco anos a cesión sexa definitiva.

A partires do 1 de marzo de 2022, o concello de Poio será o encargado da xestión da illa de Tambo.

Será posible grazas ao acordo co Ministerio de Defensa, titular da illa dende hai 70 anos. Trátase dunha concesión demanial por un período transitorio de 25 anos, prorrogable a 75. Pero a intención do goberno local é traballa para que sexa definitivo.

A concesión establece un canon anual de 25.000 euros. A contía busca garantir que se realicen investimentos en Tambo, polo que desta contía se deducirá o custo que teñan as actuacións que o concello execute na illa.

Entre os plans do concello está solicitar que Tambo sexa catalogada como Espazo Natural de Interese Local e redactar un plan estratéxico e outro de usos. Unha vez a illa estea acondicionada, a intención do goberno local é comezar coas visitas dos veciños.

Tambo conta cunha importante riqueza tanto medioambiental como patrimonial e arqueolóxica. Destacan as praias de Area da Illa e Adreira, o faro de Tenlo, o lazareto de 1886 ou a capela de San Miguel do século XVI.