RIBEIRA> O concello de Ribeira brindaba esta mañá unha despedida ós sete nenos saharauis que pasaron o verán no municipio, no marco do programa Vacacións en Paz. Ademais de entregarlle un agasallo ós pequenos, os responsables municipais agradeceron o gran labor das familias acolledoras.
Tras un verán cargado de experiencias, chega o momento das despedidas. Os 7 nenos saharauis que pasaron os meses de xullo e agosto en Ribeira, ó abeiro do programa Vacacións en Paz, viaxarán de volta a primeira semana de setembro ós campos de refuxiados de Tinduf. Dende o concello quixeron brindarlle unha despedida ós nenos que recibiron uns agasallos e reiterar o seu agradecemento ás familias acolledoras.
A presidenta de SOGAPS destacou o papel de Ribeira como un dos primeiros municipios que se adheriu ó programa de Vacacións en Paz.
Galicia situouse este ano como a segunda comunidade con maior número de nenos acollidos, tan só por baixo de Andalucía. Destaca ademais a implicación da comarca do Barbanza que este verán recibiu 20 nenos.
Antes de partir os pequenos disfrutarán aínda dunha gran festa de despedida a nivel autonómico que se celebrará o sábado en Ponteareas. A partir de entón, SOGAPS comezará a traballar xa no programa de Vacacións en Paz 2027 para o que anima ás familias a participar nesta experiencia do máis enriquecedora na que todos os que proban, repiten.











