A auga, eixo condutor do paso da Deputación de Pontevedra por Fitur

MADRID> Logo da inauguración da feira, a Deputación de Pontevedra foi  un dos primeiros organismos en pasar polo stand galego de Fitur. A provincia presentou en Madrid a súa campaña ‘100% Rías Baixas’. Unha proposta que xira arredor da auga e coa que se busca promociona-los atractivos da provincia. No acto, o presidente provincial Luis López estivo arroupado polo presidente da Xunta.

‘100% Rías Baixas’ é a campaña coa que a Deputación de Pontevedra promocionou en Fitur a provincia. Unha proposta ‘rompedora e desenfadada’, que ten como eixo condutor a auga. Porque nun momento onde este recurso está no centro do debate, a súa abundancia na provincia de Pontevedra, entende a Deputación, ten que ser unha vantaxe.

Unha aposta, engade o presidente pola sostibilidade. E partindo da auga, multitude de propostas e experiencias.

A Deputación apostou neste 2024 por unha posta en escena orixinal, con dúas pezas audiovisuais e xogando tamén cos sentidos durante a presentación… por exemplo, pechando os ollos para senti-la forza da auga. Un xeito de diferencia-lo destino para posiciona-lo no sector.

A presentación de hoxe supuxo o regreso da Deputación de Pontevedra ao expositor de Galicia, logo de dous anos facendo as súas presentacións no de TurEspaña.

No acto de presentación da campaña da Deputación de Pontevedra participou tamén o presidente da Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí