‘Satisfacción’ na residencia que despediu a unha traballadora por negarse a facerse antíxenos tras avalar un xulgado a decisión

PONTEVEDRA> Esta semana coñeciamos que un xulgado de Pontevedra avalaba o despedimento disciplinario dunha traballadora dunha residencia de maiores da cidade que se negou a facerse tests de antíxenos. O centro é o Saraiva Sénior, na rúa Don Gonzalo, e hoxe amosáronse satisfeitos coa sentenza. Aseguran que o dereito común está por enriba do individual, sobre todo en pandemia.

A decisión da empresa Saraiva Sénior de despedir a unha traballadora por negarse a facerse tests de antíxenos conta co aval dun xulgado de Pontevedra. Dende a residencia aseguraron hoxe que se trata da primeira sentenza deste tipo en España.

Segundo explicou a directora, todos os traballadores fan probas de antíxenos cando presentan algún síntoma compatible coa covid19. Probas que se suman ao cribado semanal que se realiza a todos os empregados.

O centro recibiu hoxe a visita da Conselleira de Política Social. Fabiola García considera estas medidas razoables para garantir a protección dos usuarios.

García puxo en valor o traballo de Saraiva Sénior, que aposta por un modelo cunha atención individualizada e poñendo o foco, asegurou, no aproveitamento das novas tecnoloxías e a innovación para facer do centro un fogar para os usuarios.