Os traballadores do Quirónsalud celebran a primeira xornada de folga para esixir melloras laborais

PONTEVEDRA> Primeira xornada de folga dos traballadores do Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. Dende o comité de empresa calculan que o primeiro paro da quenda de mañá tivo un seguemento dun 95% entre os empregados, que reclaman a sinatura dun novo convenio que inclúa melloras nas súas condicións laborais. Estes paros repetiranse todos os martes dos meses de marzo e abril, pero o comité non desbota chegar á folga total ou indefinida se a empresa non move ficha.

A primeira xornada de folga no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra comezou con forza. O primeiro paro parcial convocado entre as 8 da mañá e as 12 do mediodía acadou un seguemento do 95%, segundo o comité de empresa.

A suba salarial é o principal atranco da negociación do novo convenio colectivo, co actual vencido o 31 de decembro do 2020. Reducir a xornada laboral de 1780 horas e a mobilidade interna son outras das reclamacións dos traballadores.

O comité explica que o último contacto coa empresa foi o pasado 28 de febreiro, cando comunicaron os servizos mínimos. Denuncia, tamén, que algúns traballadores sufriron coaccións por parte de responsables para evitar que secundaran os paros.

A pesares desta situación, os traballadores están decididos a manter a convocatoria. Están chamados a paros parciais todos os martes dos meses de marzo e abril.

De seguir sen noticias da empresa, non desbotan incluso chegar a convocar folga total ou indefinida para conseguir que se escoiten as súas reclamacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí