O concello de Pontevedra inicia a licitación de dez postos baleiros do Gastroespazo

PONTEVEDRA> Novo avance do concello de Pontevedra de cara a revitalizar o primeiro andar do Mercado de Abastos. O goberno local inicia a licitación de dez postos do Gastroespazo, co obxectivo de consolidar a súa actividade de cara ao verán. Son nove postos de alimentación e un bar, con canons anuais de entre 300 e 360 euros. As autorizacións teñen vixencia dun ano, prorrogable por dous máis.

O concello de Pontevedra inicia o expediente para sacar a licitación dez dos postos do primeiro andar do Mercado. Son nove de alimentación e un bar, todos listos para o seu uso.

As condicións son semellantes ás do ano 2019 pero con algunha diferenza. As autorizacións outorgaranse por un ano prorrogable ata un máximo de tres. Na convocatoria anterior, a concesión inicial era de dous anos, que poderían aumentarse ata os catro.

Os canons de explotación oscilan entre os 301 e os 357 euros ao ano, en función do posto. Para poder optar ao proceso de selección teranse en conta varios criterios.

Estes postos ocupan 12 casetas do Gastroespazo. A maiores, habería outros dez que si precisarían dunha obra previa antes de acoller algunha actividade. Actuación que o concello abordará nunha fase posterior.

Actualmente só funcionan tres postos neste primeiro andar, por iso o concello pretende que este sexa un paso máis na súa aposta por resucitar o Gastroespazo.

Ademais, de cara a esta nova etapa o concello reforzará o servizo de limpeza e buscará maior flexibilidade horaria, cuns mínimos de apertura obrigatoria para garantir a atención.