POBRA> O PP da Pobra denuncia irregularidades no uso da antiga escola do Camiño Ancho por parte do executivo. Segundo o voceiro popular as instalacións están a ser utilizadas como vivenda sen cumprir as mínimas condicións de habitabilidade.
Non é a primeira vez que acontece. Xa a principios de 2018 a oposición denunciou que o concello cedera a antiga unitaria a un veciño do municipio que a estaba a utilizar como vivenda social.
Tras ser coñecedores deste feitos, o Partido Popular solicitou unha certificación ó secretario para verificar se realmente hai unha persoa empadroada nesta dirección.
De ser así, solicitarán a reprobación do alcalde e da concelleira de Servizos Sociais no próximo pleno por permitir, din, a utilización ilegal e fraudulenta dunha instalación municipal.
Pola súa banda, o alcalde da Pobra confirmou que unha persoa estivo a residir na antiga escola durante varios meses ante a imposibilidade de atopar unha vivenda de acollida mentres Servizos Sociais tramitaba unha axuda de emerxencia. Desmentiu en todo caso que estivese empadroada no Camiño Ancho e criticou tamén a actitude do PP por utilizar un caso de emerxencia social con fins partidistas.