A Lotaría Nacional deixa en Ribeira preto de medio millón de euros

RIBEIRA> O segundo premio da Lotaría Nacional no sorteo deste pasado sábado deixou preto dos 500 mil euros en Ribeira. O número premiado, con doce mil euros por décimo, é o 17.127.

A administración ‘La Fortuna’ volveu repartir iso, fortuna, entre os seus clientes. Este segundo premio da Lotaría Nacional deixou catrocentos oitenta mil euros moi repartidos entre unha trintena de clientes, a maioría deles habituais.

Á satisfacción de premiar ós clientes da casa engádese, para o propietario da administración, o feito de que deixarán a maior parte do beneficio no pobo.

Como xa acontecera en 2009, cando repartiran outro segundo premio, as vendas animáronse dende que se coñeceu a nova. O goteo de clientes esta mañá foi constante. O premio non puido chegar en mellor momento para dinamizar as vendas nun sector que resultou moi afectado durante a crise da Covid-19.