RIBEIRA> A creatividade e o mar uníronse para dar forma á exposición ‘Coas mans na nasa’ que se pode visitar estes días no CEIP do Grupo. Escolares de tódolos cursos participaron na elaboración das auténticas obras de arte que integran esta mostra que vén poñer o broche ó proxecto sobre o mar desenvolvido durante todo o curso.
A pasada tarde abría as súas portas no CEIP O Grupo ‘Coas mans na nasa’, unha orixinal exposición sobre o mundo mariño. Unha batea chea de vida recibe ó visitante no edificio principal do colexio, o percorrido continúa polo módulo de infantil que conta ata cun observatorio científico e finaliza na carpa multiusos do antigo mercado onde tamén se pode contemplar unha mostra de fotografías antigas relacionadas co mar.
Tódolos alumnos, dende infantil ata 6º de primaria, participaron na elaboración das pezas que compoñen esta fermosa mostra na que tamén se implicou o resto da comunidade educativa.
A mostra é o resultado final dun proxecto desenvolvido no centro ó longo de todo o curso sobre o mar en tódalas súas vertentes.
Aqueles que aínda non tiveran ocasión de visitala aínda están a tempo de facelo mañá xoves, entre as catro e as seis da tarde.