Deputación e Concello de Meis desbloquean a ‘herdanza envelenada’ da mellora da estrada de Arcos

MEIS> A Deputación de Pontevedra actuará na Subida de Arcos, no Concello de Meis. O obxectivo é mellora-la seguridade dos peóns que transitan por esa estrada, unha vía moi estreita pero con bastante densidade de tráfico. O proxecto poderase levar a cabo grazas á cesión de máis de 400 metros cadrados por parte dos veciños. A presidenta provincial e a alcaldesa celebran o desbloqueo desta actuación, pendente dende hai anos e que condideran unha ‘herdanza envelenada’ dos seus predecesores no cargo.

Son apenas 300 metros de estrada que levaban anos agardando por unha intervención que por fin será realidade. A Deputación de Pontevedra mellorará a seguridade viaria nesta estrada que une San Salvador co acceso á Autovía do Salnés, grazas a un convenio co Concello de Meis. Vaise crear unha senda peonil para mellora-la seguridade dos veciños da zona, que levan anos convivindo cunha estrada tan estreita como perigosa.

Ademais do itinerario peonil por unha das marxes, o proxecto contempla o reasfaltado da vía, melloras nas canalizacións de pluviais e o soterramento de todo o cableado. En total, a actuación supera os 240.000 euros, dos que a Deputación financiará o 80% e o Concello, o 20 restante. A presidenta provincial pon a actuación como un exemplo a seguir.

As melloras nesta estrada serán posibles grazas á cesión de máis de 400 metros cadrados de terreo por parte dos veciños. Un proxecto que levaba tempo enquistado e que tanto Carmela Silva como a alcaldesa meisina consideran unha ‘herdanza envelenada’ dos seus predecesores.

A alcaldesa agarda que unha vez estea en marcha esta actuación, a Xunta tome medidas no treito da súa titularidade, mellorando a seguridade viaria dende a rotonda da Autovía do Salnés en dirección ao núcleo do Mosteiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí