As familias dos desaparecidos do Villa de Pitanxo ven ‘lamentable’ a decisión do Goberno e acúsano de falta de interese

PONTEVEDRA> Para as familias dos doce mariñeiros desaparecidos a decisión foi un xerro de auga fría. Consideran que a posición do Goberno é “lamentable”, e insisten en que obter imaxes do Villa de Pitanxo afundido podería ser útil incluso para a investigación. A pesares da negativa que hoxe lles foi trasladada na reunión, xa anunciaron que volverán solicitar por escrito que se intente enviar un robot para coñecer a situación do pecio.

Foron algo máis de dúas horas de reunión pero as familias dos mariñeiros do Villa de Pitanxo que continúan desaparecidos abandonaron a Subdelegación do Goberno coa peor das novas: o executivo non se plantexa novos operativos de busca.

As familias aseguran que son conscientes das dificultades do rescate dos corpos, pero insisten en reclamar que se envíe un robot ata o pecio para captar imaxes que poidan axudar tanto a localizar cadáveres como achegar información para a investigación do naufraxio.

Tralo encontro desta mañá, cren que o Goberno central non está a facer ningún esforzo por intentar achegarse ao barco e atender as demandas das familias.

Ademais de pedir que lles entreguen por escrito a negativa do Goberno, as familias anunciaron que presentarán unha nova solicitude para que, alomenos, se envíe un robot para conseguir esas imaxes do Villa de Pitanxo afundido.