O IES de Valga contará a partir do vindeiro curso con tres novos ciclos de PF dual

VALGA> O IES de Valga prepárase para a implantación de tres novos ciclos de FP dual. A partir de setembro impartirase nova formación en Mantemento electromecánico, Xardinaría e floraría e Mecatrónica industrial. Ao tratarse de formación dual, o alumnado recibirá formación tanto no centro como en empresas da contorna, recibindo unha remuneración económica.

A partir do curso 2024/2025 o IES de Valga contará con tres novos ciclos de FP dual, especialmente relacionados coa fabricación mecánica. A partir de setembro impartirase nova formación en Mantemento electromecánico, Xardinaría e floraría e Mecatrónica industrial. Esta mañá a directora xeral de Formación Profesional da Xunta visitou as instalacións para valorar posibles melloras de cara ao vindeiro curso.

A ampliación da oferta responde tamén á alta demanda de persoal cualificado nas empresas da zona. De feito, ao tratarse de ciclos duais, a formación terá lugar neste centro e en empresas próximas, recibindo o alumnado unha remuneración económica.

O centro conta xa con oferta en dúas familias profesionais: a de fabricación mecánica e a familia agraria, co ciclo básico de Agroxardinaría e composicións florais. Unha área á que agora lle van dar continuidade coa implantación do novo ciclo de xardinaría e floraría.

O alcalde de Valga, pola súa banda, salienta o plus que supón que o alumnado poida desenvolver a súa formación en empresas próximas.

Ademais das instalacións que van acoller estes novos ciclos, a visita serviu para que a directora xeral de Formación Profesional coñecese outros espazos do IES, recollendo tamén outras peticións de mellora por parte da súa dirección.