O BNG de Outes oponse ó emprazamento elixido para a dotación de chan industrial

OUTES> O BNG de Outes votará en contra do inicio da tramitación do chan industrial no lugar de Xursidicción. Consideran que non se trata do emprazamento máis axeitado para establecer o polígono posto que está afectado por Costas.

O BNG de Outes leva tempo manifestando o seu desacordo co lugar escollida para dotar de chan industrial ó municipio. Os terreos están afectados por Costas o que obrigará á adquisición do dobre de superficie aínda que mantendo a mesma edificabilidade.

Os nacionalistas expresan tamén as súas dúbidas sobre a capacidade da depuradora da Serra de asumir as augas residuais procedentes do futuro polígono e do compromiso da Xunta para acometer a urbanización da zona garantindo uns accesos axeitados ás instalacións.

Por estes motivos, dende o BNG votarán en contra do expediente de modificación do PXOM. Non obstante, son conscientes da gran necesidade de chan industrial do municipio polo que instan ó goberno local a buscar un emprazamento alternativo

Pola súa banda, o alcalde de Outes manifestou a súa intención de levar a pleno o inicio da tramitación o próximo xoves posto que é a responsabilidade do equipo de goberno en cumprimento do compromiso adquirido coa veciñanza.

Manolo González aclarou que a elección do emprazamento non é arbitraria senón que é froito dun longo proceso no que se levou a cabo un estudo técnico e se mantiveron xuntanzas cos empresarios que escolleron esta zona como a máis axeitada para a instalación dun polígono de servizos de proximidade.

En canto á edificabilidade, a afectación de Costas obrigará a reducila dun 0’7 a un 0’44 por cento co que en lugar de 5 hectáreas o concello terá que adquirir 8. Dende o goberno entenden que non é un impedimento suficiente para botar por terra todo o proceso e iniciar un novo procedemento na busca dun emprazamento alternativo que podería tamén contar con esta afectación posto que ó ser un concello costeiro boa parte dos terreos atópanse na franxa dos primeiros 500 metros.

O rexedor destacou ademais que se trata dunha zona con boas comunicacións e próxima ó núcleo da Serra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí