Masterclass sobre o polbo no colexio Castelao de Rianxo

RIANXO> Un grupo de alumnos deste colexio asistiu a unha charla do investigador Álvaro Roura Labiaga do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, unha das persoas que máis sabe no mundo sobre os cefalópodos. Os cativos seguiron con gran atención a charla, incluída na actividade do Club de Ciencia, que se imparte neste centro educativo.

Un grupo duns cincuenta rapaces de primeiro a sexto de primaria do colexio Castelao asistiron hai uns días no propio centro a unha charla do biólogo mariño e investigador Álvaro Roura Labiaga que lles explicou detalles do ciclo evolutivo das larvas de polbo. Aínda que se trata dun animal bastante coñecido para todos, na charla os rapaces descubriron tamén outras particularidades menos comúns desta especie, como o feito de que se sitúa no grupo dos invertebrados máis intelixentes, entre outras moitas.

A charla formaba parte da actividade Club de Ciencia que se vén desenvolvendo ó longo do curso neste centro educativo, que ten coma principal finalidade achegar o ámbito científico ó alumnado a través de sesións principalmente prácticas. A experiencia resultou do máis satisfactoria para eles.

Aproveitando a súa visita a Rianxo preguntámoslle tamén sobre a posibilidade real de acadar o peche do ciclo do polbo a medio ou curto prazo, un feito histórico, que, segundo el, podería darse nos próximos anos, despois de tempo de investigacións sobre o cultivo larvario, o que permitiría a reprodución do polbo en catividade.