NOIA> Este distintivo avala a extracción sostible deste produto con artes de pesca artesanal así como a súa procedencia das autorizacións da confraría na ría de Muros-Noia.
A xerente de Galicia Calidade desprazouse esta mañá ata a lonxa de Testal para entregar o selo de garantía á confraría de Noia. Esta certificación supón un novo aval da calidade do berberecho extraído das autorizacións do pósito noiés. Ademais da procedencia, o selo garante o uso de artes de pesca artesanais e sostible e a súa extracción no momento óptimo de consumo.
A confraría agradeceu a entrega deste novo selo que supón unha garantía non só para o consumidor final senón tamén para as máis de trinta conserveiras e empresas que procesan e comercializan o berberecho noiés en todo o mundo.
Con Berberecho de Noia xa son máis de 150 as empresas galegas que contan na actualidade co selo de Galicia Calidade, unha distinción que busca impulsar a competitividade e achegar confianza e seguridade ós consumidores.