O servizo de ambulancias non urxentes de Pontevedra e O Salnés irá á folga polos incumprimentos da concesionaria

PONTEVEDRA> O servizo de ambulancias non urxentes da área Pontevedra e O Salnés, en folga. O comité de empresa anunciou esta medida para todos os martes e xoves deste mes e de xeito indefinido para maio. Acusan á concesionaria Ambulancias Civera de falta de medios e de incumprir os acordos en materia de contratación.

Os traballadores das ambulancias do servizo programado e intrahospitalario da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés irán á folga. Acusan á empresa concesionaria Ambulancias Civera, que conseguiu o contrato o 1 de abril do ano pasado, de levar o servizo ao caos.

Comezarán coa folga todos os martes e xoves do mes de abril, pasando a indefinida en maio. Denuncian que están a realizar o seu traballo sen os medios axeitados.

Tampouco contan cun programa informático axeitado, que permita coordinar o servizo e ter unha base de datos actualizada. Problemas aos que se suma o incumprimento dos acordos en materia laboral, polos que a empresa faría fixos aos traballadores que remataran os seus contratos.

Dende o comité non dubidan en sinalar á xerencia da área hospitalaria como a responsable desta situación. Aseguran que son coñecedores das problemáticas, que xa denunciaron en varias ocasións.

Ambulancias Civera conseguiu a adxudicación do servizo de ambulancias para traslado sanitario programado e intrahospitalario hai case un ano. Fíxoo por un período de cinco, incluíndo a prórroga, cunha contía de 19 millóns de euros. Actualmente teñen 77 traballadores e 40 ambulancias, para realizar máis de 300 servizos ao día.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí