A Deputación da Coruña destinará máis de sete millóns de euros a axudas a empresas e autónomos

BARBANZA> Xa está aberta a nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña que este ano destinará 7’2 millóns de euros para promover a contratación e realizar investimentos nas pemes así como a sufragar as cotas da Seguridade Social dos Autónomos.

O PEL incrementa a súa contía en case un 40 por cento con respecto á pasada convocatoria e as axudas oscilarán entre os 1.200 e os 45.900 euros. Dada a difícil conxuntura económica, o obxectivo non e unicamente dinamizar e promover o emprendemento senón axudar ó mantemento e fortalecemento das empresas existentes na provincia.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 11 de maio e farase de xeito telemático a través da plataforma SubTel da Deputación.

Este ano, a administración provincial fixouse como prioridade a axilización dos trámites e a simplificación da documentación a presentar para que o pago ós solicitantes se realice o máis axiña posible, facendo coincidir os investimentos e contratacións co ano natural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí